Os promotores do Patrimonio Inmaterial collen novos folgos no “itinerario dun soño”

cea_tuiOnte reuníronse nunha cea na que coñeceron os porqués da non proclamación

Un centenar de persoas vinculadas á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués reuníronse, onte venres 2 en Tui, nunha cea na que “o espíritu que fixo nacer esta Candidatura lonxe de extinguirse colleu novos folgos”.

Na mesma púxose de manifesto que hoxe en día galegos e portugueses “somos máis conscientes de compartir un patrimonio común” sabemos algo máis deste “tesouro inmaterial”.

Previamente á Cea os promotores deron á o coñecer aos asistentes que a difícil aplicación dun Plan de Acción sobre o conxunto do patrimonio tan amplo e tan diverso que se propuña na Candidatura, e o feito de non recoller no informe remitido dende o Consello de Filosofía de Portugal, o proceso de xestación desta Candidatura a partir dos centros educativos galegos e portugueses, foron fundamentalmente os argumentos que incidiron negativamente na non proclamación. Aínda así o Patrimonio Inmaterial Galego-Protugués estivo ata última hora enriba da mesa das decisións.

Ana Zacarías, embaixadora de Portugal en Estonia e membro do xurado explicaba aos promotores, en París, que a decisión sobre a esta Candidatura foi a máis difícil de tomar e “estivo até o último momento pendente”. Ela transmitiu ao xurado o proceso modélico desta Candidatura e a riqueza do patrimonio contemplado.

O xurado expuxo na rolda de prensa posterior á proclamación de hai unha semana a valoración positiva deste proxecto “ moi meritoria, cun plan de acción ben trazado, ben documentada, pero excesivamente ampla para o que quería proclamar este ano a UNESCO”. Indicaron tamén que todo o traballo desenvolvido foi “moi importante, dun grande valor, e que ten que servir para seguir traballando de aquí en diante, tanto nas escolas coma dende as diferentes administracións”.

Ana Zacarías afirmaba que a consecución do futuro recoñecemento da UNESCO vai depender “do voso empeño” así coma da mobilización dos “esforzos das autoridades oficiais de cada un dos países, e do seu empeño, e do seu envolvemento nesta Candidatura”.

Ábrese, por tanto, unha nova porta para que galegos e portugueses continuemos a traballar na defensa deste patrimonio, ainda que procedemento para as proclamacións cambiará coa próxima entrada en vigor da Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial. Esta nova normativa establece a existencia dunha Lista Indicativa na UNESCO na cal os Estados poderán inscribir as Obras Mestras, tanto nacionais como multinacionais.

Os promotores consideran asía que “o camiño andado pode ser un bo soporte para convencer a ambos gobernos para que o patrimonio inmaterial galego-portugués sexa inscrito no futuro nesa Lista Indicativa”, logo do indicando de xeito reiterado nos últimos días de que “é preciso continuar o traballo de investigación, protección e salvaguarda das tradicións que unen galegos e portugueses”.

Dende a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! queren por último agradecer ás Escolas Asociadas da UNESCO e a todas as persoas que durante este “ itinerario dun soño” lles acompañaron e lles axudaron “a ver a luz onde só había tebras”, un agradecemento que de xeito especial queren brindar á comunidade educativa, que deposita neste patrimonio a súa confianza.

A cea de onte rematou cunha boa representación do Patrimono Inmaterial por parte dos asistentes con cantigas tradicionais das dúas beiras do río.