Un Desfile do Patrimonio, un festival con distintas manifestacións, e o xogo do peón serán algunhas das actividades
O Concello de Ourense celebra mañá venres, 11 de novembro, distintos actos en apoio á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.
A primeira cita, no programa establecido, será a unha do mediodía no Parque do Laxal, dende onde sairá o Desfile do Patrimonio Inmaterial no que haberá representación de traballos comunitarios, traxes tradicionais, músicos e máscaras do Entroido Media hora despois, no salón de plenos da Casa do Concello, celebrarase un acto aberto ao público en xeral de presentación e apoio á Candidatura.
As actividades continuará ás 17.30h, no Parque Barbaña, coa iniciativa “Polo San Martiño peóns ao camiño” que busca recuperar este xogo tradicional cos peóns ou trompos, que constitúe unha das manifestacións que optan a ser recoñecidas pola UNESCO.
Ás seis e media celebrarase un Festival Foclórico do Patrimonio Inmaterial que será presentado polos regueifeiros Luis Correa e Pinto de Herbón. O festival xirará entorno aos ciclos festivos e comezará cao sra. Ermelinda interpretando un CANTO DE RÉIS, logo tocaralle ao ENTROIDO, onde o “testamenteiro” de Laza (Manuel Quintas –Dopa-)lerá un extracto dun testamento do burro. Os Maios estarán representados por un grupo de mozos e mozas que amais da típica construción feita con flores e herbas tamén cantarán as coplas. A seguinte parada estará no San Xoán, e para elo a Aula Gomes Mouro interpretará unha peza tradicional. O festival proseguirá con manifestación de traballos comunitarios para o cal membros do CDR Eirada, de Parada de Outeiro – Vilar de Santos, representará un extracto do ciclo do liño, acompañadas do grupo de Pandereteiras As romarías estarán representadas cunha danza procesional a cargo de Castro Floxo e concluirase co magosto o Samaín. Todo o festival acompañarase da proxección de imaxes das distintas manifestacións do Patrimonio Inmaterial.
Lembramos que o Concello de Ourense desenvolveu xa a finais de outubro diversos actos en apoio da Candidatura que xiraron entorno á celebración do Samaín.