Quinta Edición do Certame de Recolla da Tradición Oral (2011)

bibliotecas-vivasA Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! e a Cátedra da Eurorrexión da Universidade de Vigo coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Linguística, xunto coa Direçção Regional de Educação do Norte de Portugal convocan o V Certame de Recolla da Tradición Oral Galego-Portuguesa.

No interese por descubrirlle ás novas xeracións a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural Común preséntase este Certame que acadou tan bos resultados nas edicións pasadas. Esta convocatoria ten unha dupla finalidade:
* Que a existencia deste patrimonio común forme parte da vida escolar nas aulas da Eurorrexión.
* Que o sistema educativo acometa decididamente a tarefa de rescatar esta tradición e poñela en valor nun proceso de transmisión deste patrimonio ás novas xeracións.

TEMA: AS BIBLIOTECAS VIVAS, HISTORIAS DE VIDA
As historias de vida inclúen a descrición das experiencias e acontecementos máis significativos da vida do narrador ou da narradora a través das súas propias palabras. Cada persoa leva dentro unha singradura que, ás veces, comparte con outras persoas. Non sempre se dan as condicións para que o relato de toda unha vida teña un espazo propio para ser contado e transmitido. Tradicionalmente, a transmisión dos coñecementos do Patrimonio Inmaterial era feita de xeito oral dentro da familia; hoxe, debido aos cambios sociais, a escola, as asociacións e as entidades públicas deben asumir este labor se non queremos que esta cadea de transmisión se rompa. Para que estas historias de vida pasen a formar parte do noso patrimonio inmaterial e tamén para que os nosos xoves teñan a oportunidade de coñecer relatos dos livros vivos, propomos ás escolas que integren nas súas bibliotecas as narracións destas persoas que están no seu entorno. Descubrir estas historias de vida e recollelas seguindo as diferentes técnicas da etnografia é o obxectivo deste V Certame de Recolla da Tradición Oral Galego-Portuguesa. Tema que coincide co da programación da XVII edición da xornada multimedia Ponte…nas ondas!, de tal xeito que o material ser aproveitado polas escolas para participar na xornada de Ponte…nas ondas! Para a adxudicación dos premios terase en conta, ademais da presentación das historias recollidas consonte ao indicado nas bases, a correcta organización e sistematización do material recompilado así como os aproveitamentos didácticos e contidos pedagóxicos dos traballos presentados. Cada un dos traballos, baseados no tema proposto, deberá presentar relatos orixinais e gravacións realizadas polos participantes no Certame.

HISTORIAS DE VIDA
Entre outras, poden recollerse:
*Relatos de persoas que emigraran
*Persoas que tiveran ou teñen ofícios tradicionais ou singulares
*Persoas que viviran acontecementos históricos
*Descrición de saberes tradicionais

COMPLETAS: Poden incluírse documentos secundarios e persoais, así como testemuñas de terceiras persoas
TEMÁTICAS: Abórdase un aspecto significativo da vida do narrador, que se pode xuntar con outros informantes (da mesma xeración, grupo, territorio,etc.) que complementan o tema presentado.

Ademais de facer unha contextualización da persoa no seu ámbito vital, poderanse aportar todo tipo de informacións complementarias.

OS PREMIADOS
Reunidos dona Mª Ofelia Carnero Vázquez, don Antonio Reigosa Carreiras, como especialistas na materia obxecto de convocatoria e don Xerardo Feijoo Rapela en representación da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas, constitúense como Xurado do V CERTAME DE RECOLLA DA TRADICIÓN ORAL GALEGO-PORTUGUESA convocado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! coa colaboración da Cátedra da Eurorrexión da Universidade de Vigo e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia tendo como tema “As bibliotecas vivas: historias de vida”, e

ACORDAN
1º.-Agradecer ao profesorado e alumnado de todos os centros de ensino de Galicia e Portugal inscritos a súa participación neste IV Certame de Recolla Tradición Oral Galego-Portuguesa amosando así que promover un futuro para a cultura común obriga a sensibilizar ás novas xeneracións sobre a importancia da conservación e da transmisión xeneracional dos saberes, técnicas e coñecementos que nos foron legados
Os traballos presentados a concurso foron 10 procedentes de 10 centros de ensino, correspondendo a cada categoría establecida:
Categoría Ensino Primario/Ensino Básico………………………………………………….. 4
Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario……………….. 0
Categoría Bacharelato/Ensino Complementar…………………………………………….. 2
Categoría Ensino Profesional/Ensino Profissional………………………………………. 1
Categoría Universidade/Ensino Universitário…………………………………………….. 1
Fóra de categoría………………………………………………………………………………………. 2

Traballos procedentes de centros de Galicia………………………………. 3
Traballos procedentes de centros de Portugal…………………………… 7

2.-O Xurado valora a calidade da maioría dos traballos presentados a concurso, a metodoloxía empregada e a aplicación dos requisitos establecidos nas bases, sobre todo no tocante á dobre finalidade perseguida por esta convocatoria: que este patrimonio común forme parte da vida escolar e que o sistema educativo participe da tarefa de rescatar e de poñer en valor no proceso de transmisión este patrimonio.

3.-O Xurado acorda así mesmo solicitar da entidades convocante promover a publicación dos traballos premiados nesta edición e nas catro anteriores para que sexan útiles á comunidade como referentes a imitar.

4.-Logo das correspondentes deliberacións, os membros do Xurado acordan outorgar os seguintes premios nas distintas categorías establecidas polas Bases do Certame, tendo en conta, entre outros, os motivos que se expoñen en cada caso:

Categoría Ensino Primario/Ensino Básico

1º Premio: ao proxecto presentado polo Jardín de Infância de Boậvista – Aldreu, Agrupamento de Escolas de Fragoso, coordinado por Jorge Manuel da Fonseca Barbosa, e que leva por título “Entre o Traje Regional e a lenda… un Livro Vivo: D. Gracinda ”.

Válorase a metodoloxía empregada, a presentación e desenvolvemento didáctico do proxecto coa implicación activa de toda a comunidade. Este traballo constitúe un exemplo modélico para aprender a valorar a tradición viva nun contexto de respeto para coas persoas que custodian este patrimonio, para coas bibliotecas vivas.

2º Premio: Aos traballos presentados polo polo Agrupamento de Escolas Abel Varzim, de Vila Seca, Barcelos, coordinado por Ana Cristina Silva e Paulo Lisboa, e que leva por título “As bibliotecas vivas: Dª Almerinda Casanova” e “As bibliotecas Vivas: Dª Palmira Casanova”

Válorase a identificación de dúas bibliotecas vivas e á achega ás súas historias de vida como un libro de memorrias e de experiencias a coñecer e compartir. As memorias de estas dúas mulleres, Almerinda e Palmira Casanova, conforman un espello na memoria dos alumnos que reflicte mellor que calquera outro documento o devir dun tempo e dunhas circunstancias.

Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario
Deserto. Non se presentaron proxectos

Categoría Ensino Profesional / Ensino Profissional

1º Premio: ao proxecto presentado pola Escola Secundaria de Arouca, coordinado por Marcia Cristina de Bessa Brandặo, que leva por título “Fragmentos de felicidade”.

Valórase moi positivamente, tendo en conta que os alumnos participantes serán no futuro animadores socioculturais, a práctica escolar como estímulo e compromiso coa transmisión de saberes tradicionais, a experiencia como fonte de coñecemento.

2º Premio: Deserto

Categoría Bacharelato/Ensino Complementar
1º Premio: Ao proxecto presentados polo IES Fontem Albei, de A Fonsagrada (Lugo), coordinado por Delia Polo Losada, e que leva por título “Manuel, mestre de lembranas”.
Valórase o tratamento dunha historia de vida como experimento didáctico e os resultados que, de forma indirecta, achegan ao alumnado a un mundo rural descoñecido para eles pero aínda vivo, e experimentado, na memoria de moitos dos seus conveciños.

2º Premio: Deserto

Categoría Universidade/Ensino Universitario

1º Premio: Ao proxecto presentado desde a Escola EB 2,3 de Briteiros, cordinado por Ana Cristina Pereira, e que leva por título “Historia da criação do Grupo Folklórico da Casa do Povo de Briteiros”

Valórase a recreación da historia de vida de Jose Silva, fundador deste Grupo Folclórico, como escusa para promover o diálogo e a comunicación interxeneracional, para coñecer a historia, orixe, experiencias e circunstancias da pervivencia dun colectivo a través do tempo, e, aínda, para que as novas xeneracións descubran que son as vontades de determinadas individuos as que lle dan forma á historia, e non unha suposta e impersoal tradición.

2º Premio: Deserto

Accésits
En virtude do especificado nas bases da convocatoria, este xurado considera oportuno adxudicar un accésit ao traballo presentado fóra das categorías establecidas ao proxecto presentado Programa Mentor IGAXÉS 3 (Instituto galego de xestión para o terceiro sector), coordinado por Carolina Borges Veloso e que leva por título “A profesión de Naceiro. Vivencias de dous mestres afiadores de Ourense”

Valórase o esforzó dos promotores e coordinadores do proxecto por deseñar e por en práctica unha actividade de inmersión social a través de entrevistas a “bibliotecas vivas” que non só transmiten un saber, neste caso o do oficio de afiadores, senón que son testemuña de experiencias de persoas do común que forman parte das raíces culturais, que se expresan na mesma lingua nai e que, como consecuencia, son estímulo para a o coñecemento e a creatividade do seu alumnado.

TODOS OS CENTROS EDUCATIVOS PARTICIPANTES
*Podes acceder a todo o material premendo sobre o nome de cada centro

IES Fontem Albei (A Fonsagrada)
Tema: Manuel, mestre de lembranzas

Programa mentor Igaxest (Santiago de Compostela)
Tema: A profesión de naceiro. Vivencias de dous mestres afiadores de Ourense

IES Aquis Querquenis (Bande)
Tema: Contrabando nas sombras

EBI de Apúlia (Esposende)
Tema: Tesouros vivos, algumas histórias

Agrupamento de Escolas Aguas Santas (Maia)
Tema: Saberes tradicionais

Agrupamento de Escolas D. Afonso III (Vinhaes)
Tema: Seram de saudade

Escola Secundária de Arouca
Tema: Fragmentos de felicidade

Agrupamento de Escolas Abel Varzim (Barcelos)
Tema: 2 bibliotecas vivas

EB 2,3 de Briteiros (Guimaraes)
Tema: Historia da criação do grupo folklórico da casa do povo de Briteiros

Jardím da Infância de Boavista Andreu+Agrupamento de Escolas Fragoso (Barcelos)
Tema: Entre o traxe rexional e a lenda