No Museo do Pobo Galego. Días 28, 29 e 30 de setembro.
O Museo do Pobo Galego, ao cumprirse o seu 40 aniversario, convoca un seminario dedicado a debater o tema dos museos etnográficos e antropolóxicos e a súa situación actual en Galicia. As datas de celebración son os días 28 e 29 de setembro, no propio Museo do Pobo Galego, e unha sesión práctica itinerante no Museo Liste de Vigo, o día 30.
Obxectivos
- Reflexionar sobre o patrimonio de interese etnoantropolóxico en xeral e especialmente en relación ao ámbito galego.
- Analizar as percepcións da sociedade común e das administracións en relación ao patrimonio etnoantropolóxico.
- Establecer un moi necesario debate sobre os chamados “patrimonio material” e “patrimonio inmaterial”, a súa correlación coas normas legais e administrativas (en particular a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural) e, sobre todo, coa verdadeira realidade patrimonial.
- Analizar os problemas e perspectivas actuais dos museos, coleccións, ecomuseos, recoñecidos ou non oficialmente, incluíndo parques temáticos, centros de interpretación, aulas didácticas…, de tema etnográfico e/ou antropolóxico en Galicia.
- Abrir o Museo do Pobo Galego a estas entidades, colectivos e persoas, darlles voz e atraelas a participar e ter relación continuada co Museo do Pobo para facermos efectivo, e así mesmo reflexionar, sobre o papel deste como centro sintetizador deste tipo de centros temáticos, recoñecido legalmente polo Decreto 111/1993 de 22 de maio, da Xunta de Galicia.
A asistencia é pública e aberta. Información: Secretaría do Seminario, seminariomuseos2017@museodopobo.gal
O programa completo (.pdf)