Sétima Edición do Certame de Recolla da Tradición Oral (2013)

cartel-certame7A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas! en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca o VII Certame de Recolla da Tradición Oral Galego-Portuguesa co lema “PONTE A BRINCAR. O PATRIMONIO LÚDICO”

No interese por descubrirlle ás novas xeracións a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural Común preséntase este Certame que ten unha dupla finalidade:
* Que a existencia deste patrimonio común forme parte da vida escolar nas aulas da Eurorrexión.
* Que o sistema educativo acometa decididamente a tarefa de rescatar esta tradición e poñela en valor nun proceso de transmisión deste patrimonio ás novas xeracións.

O xogo, entendido en sentido amplo como gozo do tempo de lecer, non remata nas idades infantís ás que máis doado nos resulta relacionar con estas actividades, senón que segue a mostrarse, en manifestacións acaídas, en todas as etapas da vida do ser humano.

A mocidade ten para o tempo de lecer un amplo repertorio de actividades de recreo e de xogos, mentres que nas idades adultas do ser humano a necesidade de xogo e brincadeira segue a aparecer e non remata ata que o fai a propia vida dos individuos. Os centros educativos son un espazo apropiado onde é doado transmitir os xogos tradicionais. O alumnado poderá ser o encargado de investigar, recolleitar e divulgar entre os seus compañeiros e compañeiras as prácticas dos xogos que se realizan nos períodos de lecer.

O Certame propón a recolla das formas de lecer tradicionais incluíndo todos os tipos de entretemento: xogos, regras e normas, xoguetes e a súa realización, adiviñas, cantigas, refráns…
Trátase de realizar unha gravación das expresións orais e das formas de lecer na voz das “persoas portadoras“ que practican as diferentes actividades lúdicas e de lecer. Pódese acompañar a recolla con ilustracións ou documentación gráfica que aporten achegas á gravación. O xurado valorará o rigor e o interese das recollas realizadas así como os materiais que as acompañen.

Ponte…nas Ondas! proponlles aos centros educativos da Eurorrexión o exercicio da recolla, transmisión e difusión dos xogos tradicionais e do tempo de lecer que aínda están vivos na memoria e na práctica das persoas portadoras do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Deste xeito, desde o sistema educativo contribúese á transmisión deste patrimonio cultural que se expresa na familia ou noutros contextos fóra do ámbito escolar.

OS PREMIADOS

Reunido o Xurado do VII Certame de Recolla da Tradición Oral Galego-Portuguesa que versa nesta edición sobre o patrimonio lúdico e o lecer e que tivo como lema tema “Ponte a brincar”

ACORDA

1º.-Agradecer aos centros de ensino inscritos, profesorado e alumnado, de Galicia e Portugal a súa participación neste VII Certame de Recolla da Tradición Oral Galego-Portuguesa, convocado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, co que se pretende, como obxectivo preferente, descubrirlles ás novas xeracións a existencia dun rico e variado patrimonio cultural común, para o que nesta convocatoria se estimula a recolla, transmisión e difusión das expresións e manifestacións do xogo tradicional e do lecer aínda vivas nas persoas portadoras do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.

2.-O Xurado valora a boa calidade da maioría dos traballos presentados a concurso, a idoneidade da metodoloxía empregada e a aplicación dos requisitos establecidos nas bases.

3.-O Xurado propón á entidade que convoca o certame xestionar a procura de recursos para editar e difundir os traballos premiados nesta edición ( e nas anteriores ) dada a súa calidade e interese como estímulo e exemplo para outros proxectos educativos similares.

4.-Logo das correspondentes deliberacións, os membros do Xurado acordan outorgar os seguintes premios nas distintas categorías establecidas polas Bases do Certame aos seguintes centros educativos participantes:

CATEGORÍA ENSINO PRIMARIO/ENSINO BÁSICO

1º Premio ao proxecto presentado polo Jardín de Infância de Boavista–Aldreu, Agrupamento Vertical de Escolas de Fragoso, coordinado por Jorge Manuel da Fonseca Barbosa, e que leva por título Um avó ,um jogo, uma recreaçao.

2º Premio. Dada a calidade dos traballos presentados e, diante da imposibilidade de valorar máis uns traballos cós outros, o xurado decide conceder “ex aequo” este premio aos traballos presentados polas seguintes escolas:

Proxecto presentado pola Escola Básica Integrada de Apúlia, coordinado por Maria Eiras Enes, e que leva por título Os jogos da minha infancia.

Proxecto presentado pola escola EB 2/3 Abel Varzim do concelho de Barcelos coordenados polo profesor Paulo Lisboa e a profesora Ana Cristina Silva titulado Jogos tradicionais.

Proxecto presentado polo CEIP San Martiño de Pontevedra coordinado pola profesora María del Puerto Garrido Acuña titulado Xogos de avós.

CATEGORÍA ENSINO SECUNDARIO

1º Premio: ao traballo presentado polo IES Terra de Turonio de Gondomar coordinado pola profesora Begoña Fernández titulado Un birlador.

CATEGORÍA ENSINO PROFESIONAL / ENSINO PROFISSIONAL

1º Premio: ao proxecto presentado pola Escola Profissional Infante Don Henrique, de Porto, alumnos de segundo e terceiro Curso Profissional de Técnico de Restauração, coordinados por Joana Maria R. F. Varajão Gonçalves Andrade titulado Jogos tradicionais na escola.

CATEGORÍA BACHARELATO/ENSINO COMPLEMENTAR

1º Premio: ao proxecto presentado polo IES Aquis Querquernis de Bande, coordinado por Xoán Carlos Domínguez Alberte, e que responde ao título Brincando na Baixa Limia.

TODOS OS CENTROS EDUCATIVOS PARTICIPANTES
*Para acceder a todo o material preme sobre o nome de cada centro

IES Aquis Querquenis (Bande)
Tema: Brincando na Baixa Limia

CEIP San Martiño (Salcedo)
Tema: Xogos de avoas

Agrupamento de Escolas Abel Varzim (Vilaseca, Barcelos)
Tema: Xogos tradicionais

EBI de Apúlia (Esposende)
Tema: Os jogos da minha infância

Escola Profissional Infante D.Enrique (Porto)
Tema: Jogos tradicionais na escola

Jardim de Infancia de Aldreu (Aldreu)
Tema: Um avó, um jogo, uma recreação

IES Terra de Turonio (Gondomar)
Tema: Un birlador