Un patrimonio para o futuro: a cultura galego-portuguesa camiño da Lista Representativa da Unesco

uxia_augusto_17outubro[ul class=»list list-arrow_blue»][li]Cúmprese o décimo aniversario da presentación da candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués na Unesco[/li]

[li]Foi a primeira Candidatura Multinacional promovida por centros educativos de dous países da Unión Europea[/li]

[li]A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, co apoio de institucións galegas e portuguesas lanza unha nova campaña pola inscrición do patrimonio inmaterial galego-portugués na Lista Representativa da Unesco[/li]

[/ul]

Este sábado 18 de outubro cúmprense 10 anos dunha cita histórica en París para a nosa cultura: a presentación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués na UNESCO. Unha candidatura que, malia non pasar daquela o último trámite, recibiu especiais felicitacións da Unesco que, en documento oficial, lle recomendou aos gobernos de España e Portugal unha nova presentación de proposta. Foi a primeira Candidatura Multinacional promovida por centros educativos de dous países da Unión Europea, e avalada por dous Estados. Unha iniciativa froito dun intenso traballo conducido pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!

O Consello da Cultura acolleu en Santiago de Compostela un acto en conmemoración deste fito, no que ademais se lanzou oficialmente a nova campaña que buscará a inscrición na Lista Representativa da Unesco do patrimonio inmaterial compartido ás dúas beiras do Miño. Participaron no acto Olinda de Sousa e Santiago Veloso ( Ponte…nas ondas! ), Xosé Manuel González Reboredo ( Museo do Pobo Galego), José María Costa ( Presidente da Cámara de Viana do Castelo e da Rede Internacional de Entidades Transfronteirtizas (RIET), Valentín García ( Secretario de Política Lingüística da Xunta de Galicia ), Jesús Gamallo ( Director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia ), e Ramón Villares ( Presidente do Consello da Cultura Galega). Ademais, o evento contou coa intervención musical da artista galega Uxía Senlle e do portugués Augusto Canário.

Un patrimonio para o futuro

Abriu o acto Ramón Villares, resumindo o carácter «inclusivo, transfronteirizo, transnacional e transcultural» do proxecto e felicitando que xurda da sociedade civil e co protagonismo especial das escolas.

Santiago Veloso e Olinda de Sousa, voceiros de Ponte…nas ondas! explicaron o lanzamento da nova campaña pola inscrición do patrimonio común galego-portugués na Lista Representativa da Unesco. Unha iniciativa que, explicaron, procura o compromiso de involucrar ás escolas, «como verdadeiras protagonistas e motores», subliñou Veloso. En nome do colectivo Ponte…nas ondas! fixo así un chamamento a asociacións e institucións, que de xeito masivo xa apoiaron hai dez anos a candidatura, para seguir remando xuntos e poder conseguir este fin. De xeito especial, a chamada diríxese aos «que foron a orixe e o motor desta iniciativa, e que tamén serán o futuro», para que continúen a transmitir o patrimonio de saberes e tradicións ás novas xeracións e que apoien a inscrición. En segundo lugar, ás persoas, a título individual ou colectivo, para que se sumen a este propósito. E en terceiro lugar, ás entidades e institucións (Asociacións, Fundacións, Concellos, Deputacións, Consellerías… ) para que co seu apoio escriban na historia da Eurorrexión unha nova páxina logrando este recoñecemento para un patrimonio que xa é da humanidade, e que debe figurar na Lista Representativa da Unesco.

«Nas escolas séntese un orgullo e interese inmenso en favor do patrimonio inmaterial», lembrou Olinda de Sousa, indicando que son as administracións agora as que deben responder tamén a esta demanda.

Suma de apoios en prol da «cultura común»

O etnógrafo Xosé Manuel González Reboredo, colaborador da candidatura que acudía en representación do Museo do Pobo Galego, elixiu a expresión «monumentos da oralidade» para subliñar a importancia do patrimonio inmaterial compartido. Reboredo salientou «o entusiasmo e valentía» co que Ponte nas Ondas ten impulsado esta iniciativa e destacou a «filosofía de futuro» que anima o proxecto. Pola súa banda, o alcalde de Viana do Castelo, José María Costa falou da «casa común» do patrimonio inmaterial galego-portugués e prometeu ser «embaixador activo» da candidatura en Portugal.

Por parte do Goberno, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, felicitou o novo «impulso dun soño que vén de hai dez anos» e prognosticou «un final feliz desta volta para a candidatura». Na mesma liña, Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores, prometeu acompañar e apoiar o proceso desde a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e falou da «cultura común» como o «verdadeiro pegamento» da Eurorrexión.

Unha emocionante intervención musical de Uxía Senlle e de Augusto Canario pechou o acto cunha escolma de pezas que brincaban a unha e outra beira do Miño. «A cultura é a arma máis importante para a paz«, comentou o artista portugués. Pola súa parte, Uxía rescatou uns versos de María Magdalena, poeta de Mos, que na altura dos seus 92 anos aínda recita: «Mas novos tempos son vidos, e as cousas van mellorar, e as poetas do Miño tanto imos remexer, tanto imos traballar, que á fin imos conseguir que dous países irmáns vaian collidos das mans. Portugal e máis Galiza, Galiza e máis Portugal».

 

 VÍDEO DO ACTO