Uxía Senlle, a señora Carme e Paula Carballeira protagonizaron o acto de presentación da Candidatura en Madrid

A próxima cita será o sábado 22 en Santiago de Compostela

Un centenar de persoas asistiron onte venres na Sala das Columnas no Círculo de Vellas Artes de Madrid ao acto de presentación da Candidatura do patrimonio Inmaterial na capital de España. Este foi o primeiro dos actos organizados para presentar a candidatura en distintas cidades. O próximo será o sábado no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, e posteriormente levarase a Paris e Lisboa.

uxia3

A contacontos galega Paula Carballeira foi a conductora do acto destacando a importancia deste patrimonio e da súa difusión xa que segundo dicía “todos formamos parte da cadea para mantelo vivo”. Paula Carballeira explicou de xeito sinxelo e ameno aos asistentes cómo a Candidatura partiu do traballo desenvolvido pola Asociación Ponte nas Ondas, e puxo exemplos concretos dese patrimonio que opta a ser declarado Obra Mestra da Humanidade pola UNESCO, coma os contos que a ela lle contaban e que ela agora segue a transmitir. O feito de que ese patrimonio opte ao recoñecemento da UNESCO dicía que “é motivo de orgullo”. Destacaba tamén ao longo da súa introducción que esta iniciativa logrou aglutinar a un amplo abano de artistas, intelectuais,músicos, políticos, … ao seu redor.

Durante o acto proxectouse o vídeo enviado á UNESCO baseado en catro piares as manifestacións deste patrimonio, o seu valor excepcional, o perigo de extinción e a súa conservación e revitalización.

uxia1

A continuación coma mostra de que ese patrimonio segue aínda vivo unha das portadoras do mesmo, a Sra. Carme do grupo de cantareiras Malvela, deleitou aos asistentes coa súas cantigas, coma mostra da “inmensa sabedoría popular que garda”.

De seguido estreouse o vídeo clip do tema “Máis preto” integrado no traballo de “Meniños Cantores”. Un libro-disco-dvd que será presentado a primeira semana de novembro, O vídeo-clip do tema composto por Uxía Senlle e Segundo Grandío, foi gravado na vella ponte internacional de Tui e Valença do Minho.

Por último e pechando o acto actuou Uxía Senlle acompañada ao piano por Paulo Borges, e ao acordeón e zanfona por Gustavo Domínguez. Uxía Senlle agradeceu a Asociación “Ponte nas Onda” – promotora da candidatura – “os anos que levan traballando con ilusión, empeño e perdendo moitas horas de soño”.Tamén deixo constancia do seu agradecemento á Consellería de Cultura, e en especial a Luís Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, que estivo presente onte en Madrid, polo respaldo dado á Candidatura. Representado aos promotores da candidatura estiveron onte en Madrid Santiago Veloso e Lourdes Carita.

uxia2

Uxía Senlle interpretou para pechar o acto de presentación en Madrid un escolma de cancións tanto galegas coma portuguesas, mostra do Patrimonio Inmaterial, e pechou cantando á capela “Estou vivindo no ceo” gañándose un caloroso aplauso do público.