Cultura Común

Esta candidatura abranxe o conxunto do patrimonio cultural común a Galiza e a Portugal. Unha cultura común que asenta as súas raízes na prehistoria e que se mantén aínda viva por enriba das fronteiras entre os dous países que presentan esta candidatura, Portugal e España.

ponte_a_bailarA cultura tradicional galego-portuguesa presenta unha unidade e unhas semellanzas que evidencian que a cultura común mantivo unha identificación coa comunidade obstinadamente fiel ao pasado e que debido ás rápidas mudanzas sociais corre perigo de desaparecer.

Este patrimonio inmaterial ten a súa orixe na rexión denominada “Gallaecia” a través dos romanos, e posteriores eventos históricos fan que teña unha intensa presenza en todo o territorio do país que é actualmente Portugal, así como noutras partes do mundo debido a fenómenos de colonización e emigración.

Onde máis claramente se visibilizan os elementos do patrimonio inmaterial galego-portugués é nas distintas fases do ciclo anual, representadas de maneira simbólica polas catro estacións do ano. Sen esquecer que manifestacións orais como a lingua, os cantares, os oficios, a música, as danzas e o universo festivo e ritual teñen unha presenza constante nas dúas comunidades ao longo do ano enteiro.

Esta cultura común mantén formas de excelencia que abarcan boa parte das manifestacións profundamente asentadas na poboación e no territorio, como a existencia de actividades de tipo comunitario ligadas aos montes, a gandería ou a prácticas agrarias ou marítimas.