O Patrimonio Inmaterial

O Patrimonio Inmaterial representa a fonte vital dunha identidade profundamente enraizada na Historia e comprende … o conxunto de formas da cultura tradicional e popular ou folclórica, quer dicir, as obras colectivas que emanan dunha cultura e se basean na tradición. Estas tradicións transmitense oralmente ou mediante xestos e modificanse co decorrer do tempo através dun proceso de recreación colectiva. Inclúense nelas as tradicións orais, os costumes, as linguas, a música, os bailes, os rituais, as festas, a medicina tradicional e a farmacopea, as artes culinarias e todas as habilidades especiais relacionadas cos aspectos materiais da cultura, taless como as ferramentas e o hábitat.

A índole efémera deste patrimonio intanxíbel tórnao vulnerábel. A salvagarda deste patrimonio debe partir da iniciativa individual e recibir o apoio das asociacións, especialistas e institucións.

As formas culturais a promover

Este territorio e esta poboación conservan diversas formas de cultura oral compartida, total ou parcialmente, por galegos e portugueses na cal os processos de transformación da natureza en cultura presentam singularidades evidentes. Entre elas podemos citar:

  • Unha rica literatura oral, música e danza, na que se reflecte unha visión do mundo e que son moi semellantes na Galiza e no Norte de Portugal. As regueifas, ou cantares de desafio improvisados, son unha boa mostra desta literatura oral, como o son tamén as variadas lendas, contos, cantigas, romances, refráns e adiviñas que aínda se conservan, na memoria dos máis vellos.
  • Unha Simboloxía marcada polo contexto histórico e ecolóxico que identifica unha consciencia cun referente cultural idéntico.
  • Un universo festivo que tradicionalmente se adaptou aos ritmos da natureza e do ano, co festas do ciclo anual, festas dos patronos e romarías, moitas delas de orixe ancestral e outras froito dunha cultura cristiá lida en sentido ecolóxico-cultural. Celebracións como o Entroido ou Carnaval en diversas localidades de Ourense e de Trás-os-Montes conservan máscaras que remontan, polo menos, aos tempos medievais. O mesmo sucede con celebracións como o Corpus de Redondela, que mantivo vellas danzas gremiais ou coa Coca de Monção, unha especie de Tarasca.
  • Falas que, apesar das súas variantes dialectais e a influencia da lingua dos respectivos estados, conservan afinidades léxicas, fonéticas,  morfolóxicas e sintácticas evidentes. A orixe común da lingua galego-portuguesa mantén aínda sistemas linguísticos próximos a este tronco común, presentes en ambas comunidades.
  • Formas de cultura vinculadas ao medio ecolóxico marítimo, con embarcacións típicas como a dorna ou o moliceiro, así como vellos saberes sobre localización de caladoiros para “matar peixe”, a lembranza dum sistema gremial de división de funcións e de beneficios entre as tripulacións, ou o aproveitamento do argazo depositado polo mar nas costas para fertilizar as terras.
  • Unha cultura agraria nos vales máis ricos con predominio de cultivos como o millo ou a viña, o que dá lugar a formas específicas de apropiación da terra e de transformación dos produtos. Neste caso, como no que sinalamos a continuación, son moi ricos os coñecementos tradicionais sobre plantas e animais, tanto salvaxes como domésticos, o que é indicio dunha peculiar apropiación da natureza mediante categorías cultural-lingüísticas. En contraste cos vales, nas zonas de montaña desenvolveuse unha cultura centrada na cría de gando e no cultivo do centeo, o que deu lugar á creación de formas relacionadas co aproveitamento do inculto – montes comunais, vezeiras de gando.
  • En relación coa explotación do medio, mais tamén abertos ao universo exterior, persisten habilidades e saberes artesáns que se gardan na memoria oral, como a lembranza dos afiadores de Ourense, que chegaron a crear unha fala gremial, hoxe en perigo de desaparición, o mesmo que sucede coa xerga dos canteiros pontevedreses. No lado português apareceron tamén oficios como os de erranchíns/serradores que percorrían toda Galiza, e mesmo as terras de León e de Asturias, serrando madeira coa “serra de ar”.
  • A vestimenta tradicional, e os enfeites que a acompañan, especialmente nas súas formas máis ricas, é un elemento vistoso que ten na actualidade, cando caiu en desuso na vida cotiá, novas connotacións de carácter estético-identitario, pero é tamén revelador dun saber artesán baseado en materias-primas, como o liño e a lá, producidos nesta área desde tempos pre-históricos.

Os aspectos citados son outros tantos fios indicadores da presenza dun sistema cultural que podemos definir como tradicional e que mergulla as súas raíces nun pasado máis ou menos afastado, apesar de algunhas incorporacións recentes froito daquilo que Hobsbawn definiu como “invención de tradicións”, fenómeno que non debe ser menosprezado, pois os processos de tradicionalización tamén son un feito de cultura. Razóns prácticas e razóns lóxicas levan a que esta candidatura se centre somente en mostras singulares deste vasto sistema cultural. Mais é preciso insistir en que o resgate e a valorización de formas concretas non debe facernos perder de vista que as culturas se compoñen de elementos
heteróclitos que están en relación permanente de xustaposición e subordinación, sendo necesario situar os exemplos escolhidos nun contexto pertinente para entender o seu significado.

O obxectivo é procurar na oralidade desta rexión os matices que caracterizan a súa excepcionalidade no espazo cultural europeu cuxo sentido e valor se concretizan nas mostras seleccionadas para esta candidatura. Ao fin e ao cabo, os contidos dun conto poden resultar incomprensíbeis se non os explicamos mediante as mensaxes sobre a família, ou sobre a natureza, que ese conto pretende transmitir de maneira consciente ou inconsciente. Somos, con todo, sabedores de que este folclore, quer dicir, este “saber do pobo”, ten unha dimensión adicional que especialistas como Baussinger ou Martí definen como folklorismo.

Entendemos por folklorismo todo o proceso que conduce ao levantamento dunha forma de cultura do seu contexto orixinal para a introducir en novos ámbitos, o que presupón unha modificación no seu significado. Aínda que os procesos deste tipo foron moitas veces criticados e definidos como fakelore, cremos acertar se afirmamos que estas translacións, e as consecuentes mudanzas de funcións e de significado, son inevitábeis e, por iso, a nosa aspiración é crear ou revitalizar uns lugares físicos sociais e cognitivos da memoria no medio dunha sociedade e dunha cultura tecnolóxicas que, necesariamente, traerán novas interpretacións ás formas revividas ou conservadas por esta vía.

Convén non esquecer que a cultura é unha capacidade que reside na mente humana. Nesta perspectiva “mentalista” os obxectos non son cultura, senón manifestacións desa capacidade humana que responde ao universal das potencialidades do homo sapiens sapiens, pero que se manifesta en formas e mentalidades diversas.

Esta óptica fai dos “obxectos” non só formas materiais, senón tamén significantes que libertan ideas, crenzas, valores e habilidades, de carácter inmaterial. Por iso incluímos neste proxecto, baseado no patrimonio definido como “imaterial”, numerosos obxectos –máscaras, arados, carros, hórreos, etc.– que ilustran un ethos e un pathos, ou unhas facultades linguístico-comunicativas asociadas aos citados “obxectos” dos cales non podemos prescindir se queremos dar unha visión holística do feito cultural.

Esta proposta, polo tanto, está encamiñada a mostrar e activar a cultura oral inmaterial sustentada por espazos ou soportes materiais nos que as ideas, valores, habilidades e crenzas se concretizan ou apoian.