A candidatura de Ponte…nas ondas! presentada por Portugal e España ao Rexistro de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO obtivo o informe favorable do órgano de avaliación do XVII Comité Intergobernamental da UNESCO e será rexistrada o día 1 en Rabat.
O informe destaca e valora a calidade do expediente presentado e recoñece o traballo realizado por Ponte…na sondas! ao longo destes 27 anos. Por iso recomenda ao Comité que inscriba o modelo Ponte…nas ondas! no citado Rexistro de boas prácticas co PCI.
Esta inscrición será a primeira para Portugal e Galicia e, polo tanto, un exemplo que Portugal e España ofrecerán ao mundo, un modelo que a UNESCO mostrará como referente de bos traballos e boas prácticas.
A Xunta de Galicia xa confirmou que poñerá en marcha Ponte…nas ondas! no seu sistema educativo e mostrou a súa vontade de acordar tamén con Portugal e España a súa implantación. A ministra de Educación e Cultura de España, Pilar Alegría, enviou á Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! (ONG acreditada pola UNESCO dende 2015) o apoio do seu ministerio.
O embaixador de España ante a UNESCO, José Manuel Uribes (ex-ministro de Cultura e Deportes) asistiu en Vigo á entrega do premio do certame “As imaxes do patrimonio”, expresou o seu apoio e destacou que Ponte…nas ondas! “é un proxecto perfecto, redondo, en todo o que ten que ver coa filosofía da UNESCO”.
O Parlamento de Galicia aprobou ademais unha declaración institucional de apoio á inscrición de Ponte…nas ondas!