A primeira vez

Un artigo de Xosé Vázquez Pintor.

O orixinal aquí en .pdf. 

Unha semana de espera nas aceas do soño, “esa si que é muiñada”, para que o Patrimonio inmaterial galego-portugués alcance o recoñecemento de Ben Universal que pode conceder a UNESCO. O 14 de novembro do 2004 era un día de luz plena e frío na gándara de Agolada, centro de Galicia, marco do Primeiro Convivio da Fala Estremeira, o Galego vivo na Estramadura do norte, nas Portelas de SanabriaLubián, no Bierzo, na Asturias do Eo-Navia. A primeira vez xuntos para un fito histórico: darmos fe e obra dunha herdanza de familia, de amor ao noso patrimonio, acaso o máis significativo, o máis cernal, o de máis fonduras compartidas. Aquí chegaban de mañá cedo os alcaldes e reprentacións de cultura dos
tres concellos do Val do Ellas, ou do Val do Xálima (segundo se prefira o río da Serra de Gata ou a curota senlleira) na provincia de Cáceres; a alcaldesa de Lubián (Zamora) e o deputado Felipe Lubián, animador e alma do Galego nas Portelas; Héitor M. Silveiro Fernández, en representación do galego no Bierzo; e Carlos Xesús Varela Aenlle, pola conservación do galego no EoNavia (Asturias). Con eles, que ían ser a referencia da Homenaxe da Memoria, a Palabra e a Música, máis de tres centos de amigos, irmaus, que labran, soñan, recrean Galicia no diario  das súas vidas: Arte, Literatura,Música, Ensaio, Ciencia, Comunicación…(o pequeno mundo para os máis pragmáticos do engulimento). Viñamos uns da viaxe
desde as catro augas desta casa central que é a antiga Gallaecia; xa estaban outros na praza do Concello, ao carón da arquitectura de xoguete, tan chusca, tan de noso, tan de canteiros amadores, tan de Feira Única, tan soa, tan do íntimo: eran os Pendellos. Aínda son inertes, un ano despois; pero respiran (o pasado 21 de agosto era o segundo Encontro para o recoñecemento de Manuel Caamaño Suárez, profesor emérito da Escola de Arquitectura da Coruña, por toda a súa biografía e obra diversa).
Quero lembrar esta data de
novembro como historia de Encontro
dos Lugares que antes cito,
a primeira vez na Terra das
Orixes. Unha Asociación de
Amigos que nace e vive para a
restauración deste patrimonio
singular, xa único, polas tantas
desfeitas, convocara a estarmos
en presenza, máis e mellor, nesta
recalada reivindicativa e ao tempo
dar recado, ao mundo das desercións,
que aquí hai agradecemento,
respecto e orgullo polas
maus e as bocas dos devanceiros
do legado: obra e palabra feita,
en ramo, con remate en orla sabia,
para que o Tempo Fale e Recoñeza.
Antropoloxía. Foi acaso
unha das citas máis garridas dos
últimos anos, por espontánea,
por leal, por convocatoria isolada,
fóra das esferas do poder mediático
e político, que sempre se
pronuncia en garda, a ver quen
son, que fan, que pasa. E pasou
a marabilla de noso: ledicia e
compromiso de nos ver aquí e
alá e aló e sempre, en calquera
lugar de aviso que necesite un
ombro, un canto, unha forza de
esperanza, un chimpo de vida.
Era o 14 de novembro 2004, en
Agolada, mañá de frío e luz, a
ceo aberto. Con Música popular
dende as raíces (Axóuxere de
Melide, Bico da Balouta, Raúl
Galego, Banda municipal, A
Quenlla, Na virada, de Cangas);
Conto e Leria e Poesía e Narrativa
na voz directa das amigas e
amigos que sementan regos de
versos, estivadas, nordesías de
risa, encanto e maxia (in memoriam
Xela Arias, Luisa Villalta,
Antón Tovar, Manuel María);
Arte nas maus dos pintores e escultores
das pervivencias; o testemuño
de Francisco Fernández
Rei e de Avelino Pousa Antelo,
piares da memoria e dos afectos;
a entrega en mau dese pan quente
de forno que é o noso “Pendello
de Honra” a Domingus Frades
Gaspar, Delegado da Fala
nos “Tres Lugaris” da Estremadura,
coas grazas eternas.
Pasou un ano como pasa un
día: axiña e ben andante, presto,
allegro. Pero fica en firme, parafita,
teso, moito alá de nós. Está
na gravura do amor, en permanencia,
como na “pedra das alabardas”
do petroglifo de Axiaz,
ou na resistencia do dolmen dos
Muíños, en Bidueiros (onde habita
o Pepe de Fernandiño, labrego
arqueólogo desta descuberta
maior); e na contorna os Castros,
ducias en vixía, a prol da resistencia
e contra as furias dos expolios,
cara aos ventos. E agora,
na esperanza, a decisión da
UNESCO, o 25, a dicirlle si á
porta aberta na Casa da Memoria,
tan feliz, tan perto

Xosé Vázquez Pintor