I Certame de Recolla da Tradición Oral

A Asociación Ponte…nas ondas! convocou o I CERTAME DE RECOLLA DA TRADICIÓN ORAL nos centros educativos de ensino non universitario coincidindo coa Semana da Literartura Oral organizada pola Consellaría de Cultura e Deporte de Xunta de Galicia.

Un total de 57 centros de ensino primario (básico en Portugal), secundario e Profesional foron os inscritos no Certame. Estes centros contaron coa presenza de narradores orais que impartiron sesións didácticas sobre as diversas expresións e manifestacións desta tradición oral. Cándido Pazó, Avelino González, Celso Sanmartín, Fátima Fernández ou Anxo Moure foron algúns destes narrodores que visitaron as aulas dos centros que se inscribiron no Certame. Tamén no marco desta actividade realizouse en marzo no Museo Pedagóxico de Galicia en Santiago de Compostela unha xornada de formación sobre a literatura oral para o profesorado dos centros participantes.

Unha vez recibidos os traballos realizados desde os centros educativos, o xurado do Certame, integrado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito da tradición oral, deu a coñocer o fallo deste I CERTAME DE RECOLLA DA TRADICIÓN ORAL mediante a correspondente Acta. Como sempre que hai que xulgar o labor realizado neste caso desde os centros educativos, temos que dicir que tomar a decisión non foi sinxelo e que, a maiores dos gañadores, outros traballos poderían ser os elixidos, aínda máis esta vez na que o obxecto último deste traballo non era a recolla en sí mesma senón o traballo feito a posteriori con ela nos centros de ensino, e é aí onde atopamos traballos salientábeis polo seu contido didáctico engadido ao valor propio do material recollido.Na propia acta do xurado coméntase, valórase e xustifícase cada un dos premios outorgados
Os premios están dotados de 1.000 € no caso dos primeiros de cada categoría e de 500 € no caso dos segundos de cada unha das categorías. A entrega dos premios realizarase no marco da Semana da Literatura Oral que a Consellaría de Cultura realizará polo outono.

Agradecemos o traballo realizado por todos os centros participantes.

A entrega dos premios realizarase no marco da Semana da Literatura Oral que a Consellaría de Cultura realizará polo outono e convocarase oportunamente.

Noraboa a todos e todas os que mantedes o patrimonio para o futuro!