O mundo dos afiadores, tema central do V Congreso de Patrimonio Etnográfico

afiadoresInvestigadores de España, Francia, Italia e Portugal, así como mestres, estudantes e familiares de antigos afiadores daranse cita entre os días 9 ao 13 de outubro na Facultade Ciencias da Educación do Campus de Ourense no V Congreso de Patrimonio Etnográfico (segunda edición de carácter internacional), patrocinado pola Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, que ten como obxectivo poñer en valor a figura do afiador e analizar as achegas que este oficio trouxo á etnografía galega e ao noso patrimonio inmaterial.

A presentación do congreso tivo lugar hoxe no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; da directora do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, Mariló Fernández; do presidente da asociación Ben-Cho-Shey, Florencio de Arboiro, e do vicedecano de Educación Social, Xosé Manuel Cid.

Este evento, enmarcado nesta edición baixo o título: “O afiado e outras técnicas artesanais de comunidades rurais” contará coa presenza de relatores que analizarán dende diversas perspectivas o mundo que discorre ao redor dos afiadores, dende a súa fala e cultura, ata a súa evolución histórica e o seu ámbito xeográfico, ademais das importantes achegas sociais que este oficio deu “pois os afiadores, como grandes viaxeiros, foron grandes transmisores de cultura e saberes”, afirmou Rosendo Fernández, quen destacou que cada roda “ten a súa historia e debe de ser contada, porque iso supón facerlles aos afiadores a homenaxe que se merecen”.

Unha das singularidades do congreso é a visita a Casa das Rodas, en Arboiro, que terá lugar o venres, día 10, onde Florencio de Arboiro ten a maior colección do mundo de rodas de afiar, que poderá ser visitada polos participantes do congreso. Ademais desta actividade, desenvolveranse relatorios, mesas de debate, conferencias e proxeccións audiovisuais como a do filme A última viaxe do afiador, de Aitor Rei.

Mariló Fernández Senra explicou que esta quinta edición analizará dende o punto de vista académico e investigador pero tamén social o eido dos afiadores, “mentres que nas anteriores analizamos temas como a figura de Xaquín Lorenzo, o patrimonio no século XX ou mesmo a etnografía no Camiño de Santiago”. Xosé Manuel Cid comentou que con este congreso “recollemos a testemuña e o gran labor que fixo Fidalgo Santamariña para darlle continuidade para seguir poñendo en valor o rico patrimonio inmaterial que temos na provincia de Ourense, algo que estamos a trasladar ás escolas pois debemos transmitir aos nenos e mozos este coñecemento para que non se perda e sexan eles os garantes de mantelo no futuro”. Neste senso, explicou o proxecto que está a levar a cabo a asociación pedagóxica e cultural “Ponte nas ondas” que está a traballar no eido da etnografía con 50 escolas da raia galego-portuguesa para tentar conseguir o recoñecemento desta labor de posta en valor da riqueza inmaterial por parte da Unesco.

Finalmente, Florencio de Arboiro agradeceu a sensibilidade da Deputación de Ourense e da Universidade Vigo por xuntar esforzos “a prol dunha figura tan nosa como é o afiador, porque mantendo a súa memoria mantemos tamén a memoria do noso pobo e conservamos as tradicións das nosas xentes”.