Durante o Culturgal (5 a 7 de decembro). En Pontevedra.
Durante o Culturgal, os visitantes poderán achegarse deica o espazo de Ponte…nas Ondas! e deixar inmortalizado o seu apoio á campaña ‘Un patrimonio polo futuro’ á beira dalgún dos carteis que para a xornada multimedia realizou durante as últimas edicións o ilustrador Andrés Meixide. Os retratos polo patrimonio tamén poderán facerse á beira dos versos da peza “Ondas alén mar”, asinada por Pancho Álvarez e María Solleiro, que forma parte do libro-disco ‘Na Ponte’ (que estará dispoñible na propia tenda do Culturgal).
Ademais, a asociación amosaralle á cidadanía a escultura conmemorativa do Premio Ondas 2014, recollida recentemente en Barcelona, na gala de entrega destes prestixiosos galardóns. “Durante 20 anos, un grupo de escolares demostrou como desde a radio se poden tender pontes e construír un ecosistema común baseado no cultural, o patrimonio e as preocupacións comúns das rexións máis próximas de Galicia e Portugal”, afirmou o xurado dos Premios Ondas, parabenizando así a longa traxectoria do colectivo e outorgándolle o Premio á Mellor Cobertura Informativa polo programa que nesta ocasión contou coa colaboración de Xurxo Souto.