Galicia amosa a España unha cultura excelente que opta a ser declarada Obra Mestra da Humanidade pola UNESCO

O presidente de Ponte…nas Ondas! e o grupo de pandereteiras do colexio Altamira de Salceda inteveñen mañá no programa “La Ventana” da Cadena Ser que se emite dende Sanxenxo

A candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués que opta a ser recoñecido o próximo 25 de novembro coma Obra Mestra da Humanidade pola UNESCO vai ser dada a coñecer a toda España mañá venres ao través do programa La Ventana da Cadena Ser, que con motivo da Volvo Ocean Race se emitirá dende Sanxenxo.

Santiago Veloso, Presidente da Asociación Ponte…nas Ondas! promotora da Candidatura, será entrevistado mañá en Sanxenxo por Mamen Mendizábal no programa La Ventana. Cando a el estará o grupo de pandereteiras do colexio Altamira de Salceda de Caselas, para achegar unha manifestación dese patrimonio inmaterial, e ao tempo para dar a coñecer o proxecto Meniños Cantores, que en triple formato, libro-disco-dvd, será presentado ao público nunha gala no Teatro-Cine Fraga Caixa Galicia de Vigo o próximo luns, 7 de novembro, ás 21 h.

O Colexio Altamira de Salceda é un dos dezasete centros educativos de Galicia e Portugal que participaron no proxecto “Meniños Cantores”.

O video-clip do tema central de “Meniños Cantores” titulado “Máis Preto” foi gravado o pasado mes de maio na vella ponte internacional de Tui por cincocentos alumnos do colexios das dúas beiras, simbolizando dende esta ponte centenaria e coas súas mans unidas a unión entre a cultura de Galicia e Portugal.

Segundo especial de Luar dedicado á Candidatura
Por outra parte o programa Luar da TVG emite mañá venres á noite o segundo espazo especiais sobre a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués que opta a ser proclamado Obra Mestra da Humanidade pola UNESCO o próximo 25 de novembro.

Mañá actuarán no Luar os Pauliteiros de Miranda e o Rancho de Reis de Guláns, representando a dúas manifestacións do Patrimonio Inmaterial que opta a ser recoñecido a nivel mundial.