Carmen Gallego Calvar amosou o seu respaldo a esta iniciativa esta maña nunha reunión cos promotores
Unha representación da Comisión promotora da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués á UNESCO foi recibida este mediodía pola Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar. No transcurso da xuntanza a Conselleira trasladou o apoio do seu departamento á candidatura presentada por España e Portugal á Unesco para que a tradición oral galaico-portuguesa sexa declarada Obra Maestra da Humanidade o vindeiro 25 de novembro.
Á reunión desta mañá con Carmen Gallego Calvar asistiron membros da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e da rede de escolas de España e Portugal asociadas á Unesco.
Entre outras actuacións, a Consellería de Pesca colaborará nas actividades que se levarán a cabo para promocionar a candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués con motivo da “Volvo Ocean Race”, que parte de Vigo o vindeiro 12 de novembro. Dada a súa proxección internacional, Volta ao mundo a vela constitúe un bo escaparate para transmitir a cultura tradicional das rexións de Galicia e o norte de Portugal, que compite a nivel mundial con outras expresións como o flamenco ou o taekwondo.
Por outra banda, Carmen Gallego valorou a posibilidade de manter contactos coas administracións pesqueiras doutros países, como Mozambique, Angola ou Cabo Verde, que poidan prestar o seu apoio na Unesco e que á súa vez teñen unha relación con este patrimonio.
A idea de presentar esta candidatura partiu na súa orixe da sociedade civil e ten como obxectivo a divulgación, promoción e preservación da cultura tradicional común ás comunidades galega e portuguesa, o que abrangue un extenso conxunto de manifestacións que van desde a literatura oral á música e a danza, pasando polas formas da cultura ligadas ao medio marítimo e agrario, polas as artes e os oficios, as festividades, a simboloxía e a propia afinidade lingüística. A iniciativa conta co respaldo da Xunta e os Gobernos de España e Portugal, ademais de múltiples entidades e asociacións de ambos países.