Dez anos de Meniños Cantores

meninos_cantoresMilleiros de persoas encheron auditorios en Vigo e Porto na presentación deste proxecto pioneiro, un libro-disco gravado por 17 escolas galegas e portuguesas.

Temos un moi especial aniversario que recordar tamén esta semana. Un 7 de novembro de 2005 o Teatro Fraga de Vigo acollía a presentación do proxecto Meniños Cantores. Unha iniciativa que xuntaba un libro, un CD e un DVD escritos e gravados por nenos de 17 escolas galegas e portuguesas,

Hai que lembrar que este libro-disco formou tamén parte do material que Ponte…nas Ondas! lle enviou ao xurado internacional da Unesco. Fernando Abreu, en representación dos profesores de música que colaboraron no proxecto, explicaba daquela o esforzo no proceso de gravación de todo o traballo, destacando que o resultado é “unha posta en valor moderna do patrimonio inmaterial” e engadindo que “consigue que os alumnos dos institutos coñezan a tradición musical aínda que a recreen con novas instrumentacións e acordes”. Santiago Veloso, presidente da Asociación Ponte…nas Ondas!, subliñaba aquel día durante a presentación da iniciativa que Meniños Cantores é un traballo co Patrimonio Musical Galego-Portugués abordado por nenos, mozos, profesores, músicos e artistas galegos e portugueses e desenvolvido tendo coma referencia a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.

O escritor Suso de Toro, un dos artistas que colaborou no proxecto, contaba que “este non é un produto cultural ao uso” sinalando que “é un produto especial xa que sae fora dos circuítos comerciais ao uso coma as industrias discográficas”. Gabou tamén Suso de Toro o traballo feito en “Meniños Cantores” manifestando que “é de alta calidade e vai competir no mercado europeo no sentido máis amplo da palabra”. De paso, salientaba o escritor a importancia de que a iniciativa xurdise da sociedade civil para poñer en valor un patrimonio cultural compartido entre Galicia e Portugal, amosando o seu convencemento de que “vai axudar a mellorar as relacións entre as dúas beiras”.

O actor Carlos Blanco foi aquel día o encargado en Vigo de presentar a gala dos Meniños Cantores, un espectáculo multimedia que contou coa actuación en directo de centros educativos de Galicia e Portugal protagonistas de Meniños Cantores así coma de figuras da música tradicional coma Xose Manuel Budiño e Leilía. Tamén participaron Augusto Canario e Luis Caruncho cunha representación dos cantares ao desafío e as regueifas, dúas das manifestacións do Patrimonio Inmaterial que formaron parte da Candidatura.

Meniños Cantores estrutúrase en tres soportes en galego, portugués, castelán e inglés:
– un Libro 98 páxinas a cor, con letras, textos, debuxos e fotografías
– un CD con 28 temas musicais e pistas interactivas
– un DVD que inclúe dous documentais: un documental de 60 minutos que recolle o proceso de realización de “Meniños Cantores”, outro documental titulado “Un patrimonio para o futuro” cunha duración de 60 minutos; 17 videoclips, e cancións coa opción de versión karaoke.

Máis información na web de Meniños Cantores.