“Eu levo unha pena gardada no peito”

Narf, un amigo da música, das boas causas, de abrir espazos e tender pontes.

“Como unha onda soante e branquiña na miña vida, unha luz poderosa, o mellor compi, o máis grande! Empuño a pandeireta e un canto desgarrado para estar ao teu lado sempre, de viaxe, desafiando ventos e marés, capitán, para espallar o meu respeto e amor infinito! Grazas polo privilexio do camiño andado, por existir na miña vida!”. Así o escribía Uxía, nunha emocionada despedida a Fran Pérez, Narf, ao que desde aquí tamén queremos homenaxear e agradecer o seu compromiso e exquisita sensibilidade.

Non hai aínda un ano que podíamos gozar na gala do patrimonio en novembro de 2015 da voz esplendorosa de Uxía enchendo de emoción aos asistentes acompañada de Narf, cuns sons de guitarra eléctrica que desafiaban a pandeireta nas súas mans. Un Narf que nos acompañara noutras ocasións, como na entrega dos premios Boas Ondas.

Narf, sempre estarás nas nosas ondas! O teu patrimonio é o noso. Un grande coro de voces canta contigo na nosa ponte, esta noite…

Canda a Amélia Muge, Narf interpretou a peza “Eu levo unha pena”, poema de Rosalía de Castro, para o libro disco ‘Na Ponte’ de Ponte… nas Ondas!, que aquí podedes escoitar:

Eu levo unha pena
gardada no peito;
eu lévoa, e non sabe
ninguén por que a levo.
Orelas vizosas
do Miño sereno,
onde o paxariño
ten o seu espello,
i antre as margaridas
pacen os cordeiros,
vós soias sabedes
o meu sentimento.
Cabo dunha pena
onde mana un rego,
á sombra dun pino
manso e xigantesco
que soberbo brama
cando o move o vento,
coma nun sepulcro
dorme o meu sacreto.
Mais anque alí dorme
vive en min desperto.
Eu levo unha pena
gardada no peito,
tamaña, tamaña,
bon Dios, que n’a rexo.
¡Quen me dera, orelas
do Miño sereno,
ser un daqués cómaros
que en vós tén asento!
Sin medo e sin penas,
de vrán e de inverno,
un sigro tras doutro
morara onde eu quero…,
ca veiga por paso,
co espazo por teito.

Recomendámosvos os textos de Montse Dopico en Praza: Boa Singradura, irmão, e X.M.Piñeiro en Sermos: Narf, o elemento estraño que fecundou o rock galego