A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG organiza este evento o sábado 27 de maio ás 18 horas, en Lugo.
A Gala Premios Mestras e Mestres da Memoria 2017 terá lugar no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo, o vindeiro sábado, 27 de maio de 2017, ás 18:00 horas.
No acto váiselles facer entrega de diplomas acreditativos de MESTRAS DA MEMORIA 2017 ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos), e o diploma de MESTRE DA MEMORIA 2017 a Serafín Mourelle Bugallo, da Coruña.
Ademais das persoas homenaxeadas, intervirán:
Xosé Iglesias, mariñeiro e poeta
Isidro Novo, escritor
Poldo Cañizo, escritor
Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da AELG
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG
A música corre a cargo de Branca Villares.
Presentación: Antonio Reigosa
Mestras da Memoria 2017: Pandereteiras Da Alén
Do lugar da Alén, Xirarga, Beariz, Ourense.
Orosia Gil Ramos (95 anos) Alsira Gil Ramos (90 anos) e Ólida Diz Ramos (96 anos).
“Presenza viva da poesía e música, tesouro en vida onde repousan xotas, muiñeiras, pasodobres, cantares de reis, aturuxos e a sabedoría e a sensibilidade popular feita poema musicado.» (Poldo Cañizo)
Mestre da Memoria 2017: Serafín Mourelle Bugallo
Mariñeiro e poeta. 84 anos. Nacido en Corme. Residente na cidade da Coruña.
“Aos catorce anos embarcou de axudante de cociña e chegou a converterse nun famoso patrón do Gran Sol. Nos anos sesenta foi un dos descubridores dos vizosos caladoiros de Porcupine, o volcán submarino situado ao oeste de Irlanda. Tamén é poeta ao xeito de Manuel Antonio; isto é, poesía do mar escrita pola propia xente do mar.“ (Xurxo Souto)
Recoñecendo a dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores
A AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a Literatura de Tradición Oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral».
O obxectivo principal da Gala é a entrega dos V Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se conceden a informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, coordinada por Antonio Reigosa, a asemblea xeral de Socios-as da AELG acordou outorgárllelos ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e a Serafín Mourelle Bugallo.
O principal valor dunha sociedade constitúeno as persoas, os tesouros humanos vivos, homes e mulleres que estiveron atentos para recibir dos seus predecesores a herdanza cultural, que logo reciclan e recrean, e que adaptan e actualizan con xenerosidade para, por fin, transmitir todos eses saberes herdados aos que veñen detrás.
Nesta cadea de comunicación a cultura popular mantense viva porque se actualiza sen renunciar ás esencias que a distinguen, que a fan ao tempo singular e universal.
Desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) queremos contribuír a manter sempre aberta esa canle de comunicación entre os/as que por idade e, como consecuencia, por acumulación de experiencias e saberes, gardan a memoria deses esencias da nosa cultura e os que, pola contra, andan aínda descubrindo o mundo que os rodea.
Podes ver aquí a listaxe de persoas que xa foron nomeadas Mestras-es da Memoria pola Sección de Literatura de Tradición Oral, á que o vindeiro sábado se engadiran as Pandeireteiras da Alén e Serafín Mourelle.
O evento conta co apoio das áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo.