Guía práctica do Foro Patrimonio e Sociedade


O 16 de novembro de 2021, con motivo do Día do Patrimonio, día instaurado pola UNESCO para chamar a atención sobre o seu coidado, protección e preservación. Co gallo da efeméride, o Consello da Cultura Galega (CCG) presentou de maneira simultánea en Lugo, Ourense, A Coruña e Pontevedra a Guía práctica do Foro Patrimonio e Sociedade.

Trátase dun documento fundamental para a xestión do patrimonio en Galicia e que é resultado de tres anos de traballo por parte dunha trintena de especialistas coordinados pola investigadora Rebeca Blanco-Rotea.

A presentación da Guía práctica do Foro Patrimonio e Sociedade tivo lugar simultaneamente en catro espazos emblemáticos: o Museo de San Antón na Coruña, o Museo Provincial de Pontevedra, o Museo Provincial de Lugo e a Biblioteca Pública de Ourense-Nós. Todas as sedes estiveron interconectadas por videoconferencia e en cada espazo participou unha persoa que contribuíu á elaboración deste documento. A coordinadora da Sección de Patrimonio, Rebeca Blanco-Rotea, estivo en Lugo; na Coruña estivo Carlos Amoedo; en Pontevedra Teresa Nieto e en Ourense Beatriz Comendador.

Aínda que a guía non ten carácter vinculante, foi concibida como un documento aberto e que pretende ser unha base para abordar o labor de xestión patrimonial. Pretende servir de referencia sobre os retos que esta debe asumir e sobre as temáticas que preocupan a unha representación ampla de todos os sectores implicados. Ademais, trata de ofrecer algunhas orientacións sobre os posibles métodos de traballo en relación co patrimonio cultural. A guía está en formato dixital e dispoñible para descarga desde o sitio web do CCG.

O volume, no marco nunha das súas mesas de debate baixo o tema “Xestión patrimonial. Conservación, protección e promoción-difusión do patrimonio cultural”, destaca tamén o traballo de Ponte..nas Ondas! “Resultan modelos esenciais as experiencias centradas no patrimonio como o Proxecto Terra ou os traballos elaborados dende Ponte nas Ondas”, subliña neste sentido.

Preme aquí para descargala ou vela en liña: Guía práctica do Foro Patrimonio e Sociedade