O acto enmárcase no ciclo cultural da Asociación Xunco
Xerardo Feijoo, membro da Asociación Ponte…nas Ondas! será o responsable mañá sábado de presentar en Parderrubias, Salceda, a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués, que opta a ser recoñecida coma Obra Mestra da Humanidade pola UNESCO o próximo 25 de novembro en París.
Este acto enmárcase no Ciclo Cultural 2005 organizado pola Asociación Cultural Xunco de Parderrubias.
Xerardo Feijoo falará a partir das 21 h de cómo naceu esta candidatura da sociedade civil, e coma foi sumando apoios de institucións e entidades que se sumaron a este proxecto que aposta polo recoñecemento do patrimonio inmaterial común que compartimos Galicia e Portugal.
A Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués recolle esta tradición oral común estruturada entorno a cinco piares:
1. As actividades agro-marítimas e fluviais
2. As actividades agrarias
3. Os procesos artesanais e os oficios tradicionais
4. O universos festivo, lúdico e de lecer
5. A literatura de tradición oral
Xerardo Feijoo, como membro da Comisión promotora da Candidatura, repasará as distintas accións levadas a cabo, entre as que destaca o proxecto “Meniños Cantores” que con formato de libro-disco-dvd sae a rúa o próximo luns, 7 de novembro, cando amais será presentado nunha gala no Teatro Cine Fraga Caixa Galicia en Vigo.