O día 25 estará cando a delegación galego-portuguesa en Paris, agardando a resolución da UNESCO
O actor galego afincado en Francia, José García, ven de manifestar o seu apoio á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, ao tempo que confirmou a súa presenza o próximo día 25 en París xunto a delegación galego-portuguesa que agardará a coñecer a decisión que tome a UNESCO.
José García considera que “a cultura galega ten un valor importantísimo e que debe ser promocionada a nivel internacional”, unha tarefa que se comprometeu a desenvolver en Francia.
Manifestou tamén a súa “admiración” por esta cultural tradicional coma “signo de identidade” que conta cun “valor propio”, confesando que cada ano cando vén a Galicia “gosta máis desta cultura” e das distintas manifestacións que abrangue.
Avanzou Jose García que no futuro ten distintos proxectos franco-galegos nos que podería participar.
José García, nado en Paris en 1966, é fillo de emigrantes galegos afincados en Francia. Este actor formouse profesionalmente no Curso Florent, na escola de circo de Annie Fratellini, e no prestixioso Actor´s Studio.
Entre as películas nas que participou cabe salientar “A verdade se eu minto” pola que foi nominado ao César coma mellor actor revelación, “Vostede Primeiro” na que actuou xunto a Daniel Auteuil, e en “Le couperet” baixo a dirección de Costa Gavras. Participou tamén en “El séptimo día” de Carlos Saura, e en “Rire et Châtiment” de Isabelle Doval, a súa muller.
Jose García ten no seu haber o premio Jean Gabin do ano 2001. Na actualidade converteuse nun dos actores máis queridos polo público francés.