O I Simposio Letras na raia apoia cun manifesto á Candidatura do patrimonio Inmaterial

Os escritores e intelectuais que participaron neste encontro deixaron a súa sinatura a prol do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués

Os escritores e intelectuais que nos tres últimos días participaron en Vila Nova de Cerveira e Tomiño no I Simposio Internacional “Letras na Raia” emitiron un manifestou de apoio á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués, que opta a ser proclamado Obra Mestra da Humanidade pola UNESCO. Cando só restan corenta días, para que a UNESCO, emita a súa proclamación, está candidatura segue a recadar apoios e intensifica ao tempo a súa actividade de promoción. Xunto ao manifesto os escritores e intelectuais deixaron tamén a súa sinatura apoiando o recoñecemento do Patrimonio Inmaterial de Galicia e Portugal.

O venres pasado, no auditorio da Biblioteca de Vila Nova de Cerveira, Xerardo Feijoo Rapela, membro da comisión promotora, foi o responsable de explicar aos participantes no Simposio os pormenores da Candidatura, os seus obxectivos e a campaña de promoción que se está levando a cabo. O I Simposio Internacional “Letras na raia” foi organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) que preside Cesáreo Sánchez Iglesias.

Reunión mañá luns co Conselleiro de Presidencia

A comisión promotora da Candidatura do Patrimonio Inmaterial vaise entrevistar mañá luns pola mañá co Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, para exporlle os pormenores desta iniciativa.

Con anterioridade a Comisión promotora entrevistouse xa cos Conselleiros do Medio Rural,Alfredo Suárez Canal, e de Innovación e Industria, Fernando Blanco.

Logo da intensa actividade desenvolvida a semana pasada en Bruxelas, con reunións cos eurodeputados portugueses e españois, e do acto de presentación o venres pasado en Madrid, as actividades previstas para esta semana céntranse de novo en Galicia.

O venres haberá no Consello da Cultura Galega unha reunión de todas as entidades promotoras da Candidatura, e o sábado pola mañá celebrarase un acto público de presentación da Candidatura no Museo do Pobo Galego tamén en Santiago.