Ponte…nas Ondas! propón unha nova relación con Portugal

“ Galiza, atópase nunha situación estratéxica para exercer de ponte entre os cinco continentes a través da súa relación privilexiada con Portugal“.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! compareceu o 4 de maio na Comisión da Reforma do Estatuto. Catro membros da asociación achegaron ao Parlamento as propostas que a Asociación debateu para que figuren na proxima redacción do Estatuato.

Ponte…nas ondas! relatou na Comisión que desde hai algúns anos o seu labor foise ampliando a outros ámbitos como o da cultura e o patrimonio, especialmente a cultura común galego-portuguesa sustentada no patrimonio inmaterial galego-portugués. Este traballo tivo a súa concreción na promoción diante da UNESCO da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.
O proceso desta Candidatura permitiu que a cidadanía galega e portuguesa tomasen conciencia de compartir unha identidade que se mantivo inalterada mesmo por riba das fronteiras políticas.

Por esta razón, as áreas onde o contributo a da Asociación se fixeron máis notorias foron nas relacionadas co mundo da eduación, a cultura, a comunicación e nas relacións con Portugal e a comunidade de países de língua portuguesa.

Despois dunha argumentación sobre a existencia dun patrimonio común con Portugal, fixéronse, entre outras, as seguintes propostas,:

EDUCACIÓN

Defendeuse que a lingua galega debe ser o idioma vehicular dun ensino laico, público e baseado no valores da escola moderna carácter público e universal.
Propúxose o Patrimonio Inmaterial Galego- Portugués sexa implantado como contido transversal no Sistema Educativo Galego.
Propúxose a creación dunha Universidade Galega a Distancia integrada no sistema universitario galego.
Ademais fomentarase a cooperación galega con Portugal e demais países lusófonos mediante a utilización das Tecnoloxías da Información e da Comunicación para remarcar a cultura común da que somos portadores.

POLÍTICA CULTURAL

Se Galiza e Portugal comparten un patrimonio cultural que presenta unha unidade mantida ao longo da historia e obstinadamente fiel ao pasado, a cultura galego-portuguesa debe contemplarse cunha visión máis ampla, formando parte dun conxunto que sobarda os límites xeográficos da actual Galiza administrativa. Por esta razón, o patrimonio cultural común material e inmaterial deberá ser obxecto dun recoñecemento explícito e ao mesmo tempo deberase establecer un acordo con Portugal para destacar os elementos comúns que aínda permanecen na cultura dos dous países.

Nesta mesma liña, o intercambio cultural con Portugal será unha liña prioritaria a contemplar dados os vínculos sociais e históricos que a nosa cultura mantivo.

A cultura galego-portuguesa está hoxe presente nos cinco continentes e deberanse contemplar liñas de actuación para favorecer o coñecemento e o intercambio cultural cos países onde as expresións culturais máis próximas teñen aínda vixencia.
A cultura tradicional galega tivo como marco xeográfico de referencia a parroquia, homóloga da freguesía de Portugal, elemento tanxible do inmaterial sentido de pertenza.

Tanto dun xeito intanxible como físico, a cidadanía galega manifesta o seu sentido de pertenza na identificación circunscrita a un territorio, que non é o termo municipal, senón algo máis próximo: a parroquia.

Cómpre darlle personalidade xurídica e ese espazo, buscando o seu encaixe acaído na organización territorial do País, dando sentido pleno e configurando na realidade legal administrativa ese ente inmaterial pero moi presente como é a parroquia en sintonía coa estrutura das freguesias de Portugal.

RELACIÓNS CON PORTUGAL

“ Os galegos non aspiramos a confundir politicamente a nosa terra co Portugal rexido desde Lisboa, e non necesitamos saír de Hespaña para opoñernos á hexemonía de Castela e loitar pola nosa libertade. Pero dentro de Portugal quedounos a mitade da nosa terra, do noso esprito, da nosa língoa, da nosa cultura, da nosa vida, do noso ser nacional; (….) Queremos vivir unidos como vivimos nos séculos que seguiron á primeira independencia de Portugal. E para eso é necesario que se resolva previamente o magno problema da Península.”
Castelao.Sempre en Galiza

Con esta cita de Castelao Ponte…nas ondas! defendeu con base á súa praxe diaria que as afinidades e as relacións entre galegos e portugueses deben ir máis alá dos tópicos e das boas intencións.

Galiza, atópase nunha situación estratéxica para exercer de ponte entre os cinco continentes a través da súa relación privilexiada con Portugal. Por esta razón, as relacións con Portugal deberán ser unha das principais aportacións que o novo Estatuto recolla nos seus principios.
No ámbito da Europa sen fronteiras e na realidade dunha Eurorrexión que afortala os seus vínculos económicos, sociais e comerciais, as relacións entre o goberno galego e o goberno portugués teñen que constituír unha disposición que emane do novo Estatuto para desenvolver con éxito as potencialidades desta Eurorrexión, considerando ademais, as súas históricas afinidades socio-económicas, culturais e lingüísticas.
Por esta razón, Portugal debe ter no novo Estatuto unha referencia explícita recoñecendo que comparte un patrimonio cultural inmaterial con Galiza e cuxa unidade debe ser obxecto de protección, preservación e promoción tanto en Galiza como en Portugal.

Para alén desta referencia, as relacións con Portugal serán preferentes para o desenvolvemento de programas estratéxicos de cooperación cultural, económica e social.

LINGUA

Se temos unha base de expresións do patrimonio inmaterial que aínda dan mostras da unidade deste sistema lingüístico común, a lingua galega debe formar parte desta familia lingüística, deste tronco común. Se defendemos esta unidade cultural e este patrimonio común, propomos que a lingua de Galiza sexa o galego e que este forme parte do sitema lingüístico galego-portugués presente noutros países. Por esta razón propomos que Galiza forme parte da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa, onde se recoñezan as características propias da lingua galega .
Dado que o galego-portugués foi a lingua na que se produciu e enriqueceu o tesouro do noso patrimonio inmaterial, a normativa da lingua galega respectará e promoverá aquelas solucións comúns ao sistema lingüístico galego-portugués e dará solucións ás novas incorporacións do léxico de acordo coa Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa. Do mesmo xeito, a toponima galega, patrimonio inmaterial común con Portugal, terá como única forma a expresada no noso idioma. Neste sentido propomos que a denominación do noso país sexa Galiza.

OUTRAS PROSPOSTAS 

ORGANIZACIÓN TERRITORIAL:

– Proponse que na nova redacción do Estatuto desapareza o concepto de provincia por non adecuarse á realidade xeográfica galega.
– Debería establecerse un modelo de comarcalización con competencias en áreas que se delimitarán claramente e terse en conta as áreas metropolitanas que teñan unhas características específicas.
– Dentro dos concellos dotarase de estrutura xurídica propia ás parroquias, recoñecéndoas como células fundamentais da composición do país e onde se encontra arraigado o Patrimonio e os seu portadores.Temos un exemplo de organización local máis acaída á realidade territorial de Galiza en Portugal, onde o sistema municipal se estrutura partindo da freguesía.

REPRESENTATIVIDADE EXTERIOR:

Se o noso patrimonio inmaterial galego-portugués se encontra espallado polo mundo alá onde os portadores o levaron, esta diversidade e riqueza cultural debe ser obxecto de especial atención. Por este motivo, a representación exterior do goberno Galego debe figurar como un dos obxectivos prioritarios do novo Estatuto.
– O Goberno Galego terá representación exterior naquelas cuestións estratéxicas para o desenvolvemento de Galiza, tanto nos sectores productivos como na cooperación exterior e na difusión cultural mediante a habilitación de espacios normativos axeitados.
– A participación na Comunidade dos Países de Língua Portuguesa ou a representación na UNESCO e outros organismos de carácter cultural deberán contemplarse no Estatuto.
– Estableceranse relacións privilexiadas con Portugal, nomeadamente coa Regiao do Norte para afortalar os lazos históricos que nos unen.
– Se a diáspora é o capital humano que pode posibilitar as relacións especiais con certas áreas do mundo, a cultura e a lingua poden aproximarnos ao universo lusófono co que cómpre establecer redes específicas e plurais no campo económico, empresarial, cultural, educativo, etc.e