Ria Lemaire, especialista en literatura medieval e profesora da Universidade de Poitiers, é autora do traballo de divulgación Cores do Atlántico sobre as cantigas de amigo galego-portuguesas como as primeiras mostras do patrimonio cultural galego-portugués, que nos chegaron por vía culta: os primitivos cantos de mulleres. Un estudo sobre a interpretación do contexto sociocultural onde xurdiron as vellas cantigas, que no territorio interpretaban as mulleres. Con rigor e sensibilidade, é quen de procurar as raíces máis profundas das composicións que coñecemos como cantigas de amigo galego-portuguesas.
Ria Lemaire é holandesa, profesora titular de literatura portuguesa e brasileira da Universidade de Poitiers, Francia, onde dirixe o equipo brasileiro do Centro de Estudos Latino-Americanos e o Acervo Raymond Cantel de literatura de cordel brasileira. Doutourada pola Universidade de Utrecht, Holanda, cunha tese sobre literatura medieval comparada.
Especialista de literatura medieval en linguas románicas e de literatura brasileira dos séculos XIX e XX, ela dirixe un programa de pescuda titulado “Estudos comparados en tradicións orais na súa relación co mundo da escrita” que traballa con cuestións de xénero, coa relación oralidade / escrita, historia / literatura e literatura testemuñal con doutorandos de tres continentes. Profesora convidada de universidades estranxeiras, latino-americanas, africanas e europeas.
Conferencia en Santiago de Compostela (19-11-2014)