“Unha cultura común que segue aí, contra vento e marea”

“No ano 1995 varios centros educativos da raia que une Galicia e Portugal a altura de Salvaterra e de Monção respectivamente decidiron tender unha ponte para suxeitar todo aquilo que teñen en común. Elixiron como material de construción as ondas da radio, o que non saben canto me comprace contarlles”. Así introducía o condutor do programa, Sevi Martínez, ben coñecido tamén pola súa anterior traxectoria radiofónica, a presenza no plató da TVG o pasado día 26 de decembro de Santi Veloso e Xerardo Feijoo en representación de Ponte nas Ondas.

A charla comezou co recordo do recente Premio Ondas outorgado á asociación, “un soño” segundo explicou Santi Veloso, quen lembrou que se trata do “premio grande” destes galardóns, nados precisamente dende a radio e que nesta ocasión quixeron premiar unanimemente a importancia dun proxecto co que entenderon que se ofreceu “a mellor cobertura informativa ao patrimonio común galego-portugués”. Xerardo Feijoo salientou tamén o éxito na tarefa de demostrarlle ao alumnado, docentes e a cidadanía en xeral “que temos unha estrutura cultural común que seguiu estando aí contra vento e marea”. Na conversa tiveron oportunidade de falar da implicación e protagonismo dos rapaces e rapazas no proxecto e da nova campaña en prol da inscrición do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués na UNESCO.