O próximo venres 8 de xuño.
O vindeiro 8 de xuño celebrarase o VIII encontro de xogos tradicionais no Centro de Estágios de Melgaço, un evento que reúne a xoves galegos e portugueses con persoas portadoras do patrimonio lúdico galego-portugués.
Este espazo é un medio natural deseñado para a práctica deportiva que se abriu tamén á realización de xogos e deportes tradicionais. Centos de alumnas e alumnos das dúas beiras do Miño participan cada ano na xornada. Durante o evento comparten xogos e vivencias comúns ao tempo que coñecen e gozan dos brinquedos e xogos que en moitas ocasións tiñan caído en desuso e que as novas xeracións incorporan agora ao seu lecer: os birlos, a chave, a billarda, a ra, o truque, os aros, carreiras de sacos, competicións de corda, etc
Actividades no ano do Patrimonio
No ano en que na Unión Europea se está a celebrar o Ano do Patrimonio Cultural Ponte…nas ondas! está a realizar diversas actividades que veñen tendo unha continuidade e unha presenza onstante no ámbito educativo e cultural de Galiza e de Portugal como a celebración do Día Mundial da Radio proposta pola UNESCO.
Neste momento está realizándose o certame de recolla As imaxes do patrimonio, unha convocatoria dirixida prioritariamente aos centros educativos da Eurorrexión e aberta ás asociacións e entidades culturais. No mes de setembro daranse a coñecer as imaxes e os textos premiados.
Ademais, Ponte…nas ondas ! prepara unidades didácticas sobre o patrimonio inmaterial galego-portugués para dar a coñecer nas escolas da Eurorrexión as manifestacións e as expresións do patrimonio cultural galego-portugués.