20 anos de Ponte…nas Ondas!

aniversario_ponte_nas_ondasO 29 de marzo de 1995 contruímos a primeira ponte…nas ondas! En simultáneo coa ponte material que se inauguraba ese mesmo dia puxemos no ar unha ponte que poría en valor o patrimonio común galego-portugués.

Hai vinte anos inaugurábanse dúas pontes, as dúas para comunicar, e para iso serviron as dúas. Polas dúas pasaron persoas, nas dúas cantouse, contouse, falouse…pero na nosa ponte quedaron as voces, as voces e as imaxes que podedes escoitar e ver na web especial que conmemora este aniversario e onde imos xuntando material diverso, recompilando e publicando todo o material destes 20 anos de Ponte…nas ondas!

Aínda non sabes que é Ponte…nas Ondas? Contámoscho!

PONTE…NAS ONDAS! é unha experiencia educativa que se vén desenvolvendo desde o ano 1995 grazas á cooperación entre escolas de primaria e secundaria de Galicia e do norte de Portugal, coa participación de centros educativos doutros países.

Trátase dunha xornada que se iniciou coa emisión de 12 horas de programación radiofónica realizadas integramente por alumnos galegos e portugueses. Xa desde o ano 2003 chegou ás 24 horas de emisión con programas producidos por máis de 50 centros educativos.

Estudantes de primaria, secundaria e ( desde a IX edición ) da Universidade, emiten programas de radio ( nas últimas edicións tamén de televisión por Internet ) elaborados por eles mesmos, en directo e en formatos moi diversos: concursos, variedades, música, entrevistas, conexións en directo entre diferentes estudos, etc. Aínda que o galego e o portugués son as linguas comúns da emisión, coa participaición de centros de Arxentina, Cuba, Chile e Colombia, o castelán tamén se incorporou á experiencia. Durante a xornada de comunicación os nenos e nenas de todos os países participantes seguen a programación e participan activamente nela.

A motivación para empezar esta aventura foi a inauguración dunha ponte arquitectónica entre as localidades de Salvaterra de Miño (España) e Monçao (Portugal); entón, un grupo de 16 escolas decidiron establecer unha ponte de comunicación a través das ondas de radio.

Aquel ano usáronse os estudos de Ecos dá Raia de Monçao (Portugal) e outro provisional situado na Casa da Cultura en Salvaterra de Miño (España); os mozos viviron con moita emoción aquela primeira xornada experimental de radio transfronteiriza e o éxito obtido forzou a súa continuidade.

Celebración do aniversario en Salvaterra

Ademais, este 27 de marzo, celebrarémolo desde Salvaterra, desde a Casa da Cultura, onde descubriremos unha placa conmemorativa de Ponte…nas ondas! E a partir das 16.00 h. a Radio Galega realizará un programa especial desde a biblioteca, o mesmo espazo desde onde se realizaron moitas edicións de Ponte…nas ondas! Estades convidados/as a acompañarnos! Pasade pola ponte!

http://pontenasondas.org/20anos/