A tradición oral en Coristanco é un traballo de investigación realizado polo alumnado de 4º da ESO do CPI Alcalde Xosé Pichel, dentro da materia de Lingua e Literatura Galega.
O alumnado comezara o curso anterior, estando en 3º da ESO, co estudo do panorama da nosa historia literaria desde a Idade Media ata o Rexurdimento. Ao explicárenlles a época dos Séculos Escuros, subliñouse a importancia da tradición oral á hora de conservar a nosa linguae a nosa literatura.
No primeiro trimestre do curso escolar 2006/2007, e co mesmo alumnado xa en 4º da ESO, o estudo centrouse na historia literaria do século XX, mais sen esquecer a existencia da tradición oral xa estudada no curso anterior e viva aínda no contorno máis achegado do alumnado. Comparáronse as diferencias entre a sociedade actual e a sociedade tradicional na que a educación das nenas e nenos era asumida pola unidade familiar e pola colectividade máis achegada (veciñanza, parroquia…) e na que existía un intercambio cultural entre as xeracións de máis idade e as máis novas. Analizáronse tamén os factores que provocaron que o elo da cadea da transmisión oral entre xeracións se rompese (cambio cultural, éxodo rural, novas modas, perda de interese por vergoña ou desprezo, desaparición de ritos e traballos, etc)
Unha vez realizada esa análise, propúxoselle ao alumnado iniciar un traballo de investigación coa intención de recuperar a cadea de transmisión oral no seu concello, Coristanco, e máis concretamente nos seus ámbitos familiares. O traballo foi coordinado por Marta Pumares Varela, profesora de Lingua e Literatura Galega.
FICHAS DE RECOLLIDA E TRANSCRICIÓN DE CONTIDOS
AS RECOLLAS EN FORMATO DE AUDIO
Podemos atopar tanto tradicións orais contadas (lendas, contos, costumes, refráns, adiviñas…) como tradicións orais cantadas (cantos de berce, cantos infantís, cantos de Nadal e de Reis, cantos de labor, romances, cantigas…).
TAMÉN SE ACHEGOU UNHA RECOLLA EN VÍDEO