O Conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, manifesta o seu compromiso e apoio á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués

pno_medioruralEsta mañá recibiu aos promotores da Candidatura en Santiago

O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, recibiu esta mañá a Santiago Veloso e Xabier Prado, representantes da comisión promotora da Candidatura do Patrimonio Inmaterial galego-portugués coma Obra Mestra da Humanidade, co obxectivo de manifestarlles o seu apoio e compromiso coa posta en valor do ámbito rural galego, que constitúe o eixo esencial desta proclamación da Unesco.

A candidatura multinacional proposta baixo a denominación «A tradición oral galaico-portuguesa: simboloxía e apropiación do medio natural» refírese a unha marca distintiva das expresións culturais das rexións do norte de Portugal e de Galiza, que as caracteriza como unha unidade de prácticas sociais e simbólicas, das que a tradición oral é unha manifestación orixinal.

A excepcionalidade desta candidatura reside no feito de ser testemuña dun pasado e dun presente que supera as barreiras políticas, a través do sentimento de pertenza a unha cultura común.

No transcurso da reunión Santiago Veloso e Xabier Prado convidaron ao Conselleiro do Medio Rural a acudir con eles ás reunións que van manter coa Dirección Regional de Agricultura entre o Douro e o Miño de Portugal, DRAEDM, entidade que apoia tamén a Candidatura ante a UNESCO. A reunión celebrarase proximamente en Braga ou Santiago, estando por determinar a data concreta.

Logo da reunión mantida hoxe co Conselleiro do Medio Rural, os promotores da Candidatura continúan cos actos de promoción e difusión. Mañá pola mañá teñen previsto entrevistarse co Secretario Xeral de Emigración, e co Conselleiro de Innovación e Industria para exporlles os pormenores da Candidatura.